CANTARES
GALLEGOS

Poesía, 1863

O 17 de maio de 1863 é unha data inesquecible. Foi o día no que, logo de 300 anos de silencio imposto, o galego que as nosas xentes mantiveran vivo nos tempos escuros se ergueu de novo, na voz de Rosalía, con ecos dunha vibración colectiva.

En Cantares gallegos están os ritmos e as coplas da nosa música e poesía tradicional, sostidos e elevados na voz poética de quen tiña un sentido innato do ritmo, a capacidade de ir máis alá dos prexuízos dunha época e a ousadía de explorar un territorio ermo para atopar o xeito de pór por escrito unha lingua sen normas nin modelos.

Mais Cantares gallegos soborda a dimensión popular desde o seu mesmo prólogo, unha magnífica peza argumentativa na que Rosalía se indigna do trato recibido por Galicia, proclama a dignidade da nosa terra e as súas xentes e fai da consecución do “respecto e a admiración merecidas por esta infortunada Galicia” o motivo principal para xustificar a escrita deste libro.

Cada 17 de maio seguimos a celebrar as nosas letras, porque aquel 17 de maio de 1863 foi un limiar, un comezo que seguimos a festexar cada día, cada vez que escribimos, lemos ou cantamos na nosa lingua.

Escoita os outros audiolibros

Contos da miña terra

Prosa, 1864

Follas
Novas

Poesía, 1880