Follas novas conéctanos coa Rosalía máis existencial e íntima. Dá continuidade ás liñas abertas por Cantares gallegos, mais explora, tamén, novos vieiros de expresión poética nos que latexa o persoal e o colectivo, a dor do ser que se sabe mortal e da colectividade que sofre a emigración.
Fúndense, neste poemario, a sombra íntima, ateigada de simbolismo, aínda hoxe suxestivo e inesgotado, e a voz social, que clama pola xustiza. Sendo un libro profundamente galego, érguese ao universal e como tal foi acollido e estudado alén das nosas fronteiras.
Que o galego se empregase para expresar o máis íntimo, sutil e filosófico non gustou aos que querían velo reducido ao folclórico, a aqueles que toleraran a raigame máis popular de Cantares gallegos, mais que se incomodaron ao ver que a nosa lingua se erguía aínda un chanzo máis alto.
Certamente, Rosalía fixo do galego, en Follas novas, unha lingua capaz de expresalo todo: o máis complexo, o máis sublime; a profunda “negra sombra”, a radical forza da “xustiza pola man”.