Rosalía naceu na Galicia do século XIX, moi diferente da nosa, unha Galicia que sufriu a fame de 1853 e as tensións políticas dun século convulso; a Galicia das desamortizacións, do esmorecemento da fidalguía, da chegada do ferrocarril.
E, nese contexto, ela foi ávida e curiosa, desexosa de aprender e de mudar as cousas. Sendo aínda moi nova, participou nas actividades do Liceo de la Juventud e formou parte da mocidade que se implicou no Banquete de Conxo. Desenvolveu o seu talento musical, achegouse á actuación e converteuse na nosa máis grande escritora.
Cando outras voces prestan novamente a súa vibración aos versos de Rosalía, algo fresco segue abrollando deles. Dixo non cantar ás pombas e ás flores, mais cantounas tamén, xunto coa nosa paisaxe e as nosas xentes, fundindo a súa voz coa voz do pobo, recreando a humilde flor ventureira e facendo do pequeno algo grandioso. Rosalia puxo en valor o que fora desprezado, con plena conciencia da súa importancia.
Os seus versos agroman indómitos, abraiantes, nunha lingua que outros non crían capaz de chegar tan alto, para falar do profundo e do delicado, do que emociona e do que fere; para erguerse brava e insubmisa, para tomar a xustiza pola man e non ficar nunca en silencio. Invocou a musa da novidade, ergueu a lingua do pobo a lingua poética e afondou no esgazamento do ser humano, clamando contra as inxustizas.
A voz
de Rosalía é,
tamén, nosa.
Rosalía non puido, no seu tempo, dicir todo canto quería. Hai textos seus que ficaron perdidos e que xamais foron publicados. Ela mesma deixou escrito que non lles está permitido ás mulleres dicir todo o que senten e o que saben.
Mais foi ousada e libre, como clamou en Lieders. “Diga que era alegre”, pediu a súa filla Alejandra. Alegre e cun talento natural para o ritmo e a música; mais tamén triste e profunda, como necesariamente ten que selo quen comprende un tempo e sente as súas inxustizas. Soubo erguer, cos seus versos, a dignidade do pobo. Por iso lle debemos parte do orgullo do que somos.
E as súas palabras seguen a vibrar con forza, como saídas do profundo desa carballeira de Conxo ou de San Lourenzo nas que aínda segue presente a súa pegada. Oímos, nos seus versos, unha voz colectiva, a voz dunha Galicia que canta e que se transmuta en coro; mais tamén unha voz persoal e íntima, que toca no máis fondo e sensible da alma humana, dos seus sufrimentos, que son decote tamén compartidos e colectivos: dos que parten, dos que se esgazan, dos que presenten como se cerne unha sombra.
A voz de Rosalía é, tamén, nosa. Por iso é Rosalía a que canta e nós os que facemos noso o seu cantar.